Proxecto de intervención escénica e de recuperación da memoria do territorio habitado na Coruña polo pequeno Pablo Ruiz Picasso e a súa familia entre os anos 1891 e 1895.
Proxecto seleccionado pola Deputación da Coruña como de especial interese cultural na provincia durante o ano 2023.
Vinte 23 ten o seu xerme inicial no proxecto matriz Vinte, creado a iniciativa de diversos profesionais das artes escénicas e da xestión cultural vencellados coa cidade da Coruña, co obxectivo de conmemorar o 20º. aniversario da apertura ao público da Casa Museo Picasso da Coruña.
Ao longo do primeiro semestre do ano 2023, coincidindo coa Celebración Picasso 1973-2023 e grazas ao apoio do Concello da Coruña, o proxecto matriz Vinte desenvolveu unha decena de intervencións escénicas en distintos puntos da capital coruñesa, nas que participaron directamente 350 persoas.
Logo do éxito desta experiencia piloto, Vinte 23 xorde como unha expansión dese proxecto matriz, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, co obxectivo de dar un paso máis alá: derrubar os muros invisibles da Casa Museo Picasso coruñesa, para poder espallar as actividades do proxecto alén desta cidade, beneficiando a cidadáns e cidadás de toda a nosa provincia.
Entre 1891 e 1895, a familia Ruiz Picasso ao completo residiu na Coruña. Unha cidade na que, un cativo chamado Pablo, que comezaba a asinar as súas primeiras obras como “P. Ruiz”, recibiría importantes influencias e unha formación artística determinante para a súa posterior traxectoria.
Así e todo, esta etapa da vida de Picasso é aínda pouco coñecida, sendo considerada A Coruña como o “vértice perdido” do triángulo picassiano en España; triángulo que a capital herculina conforma xunto coa súa Málaga natal e con Barcelona.
Inspirado nesta descoñecida etapa, o proxecto Vinte busca recuperar para a cidadanía coruñesa a memoria do territorio habitado polo pequeno Pablo Ruiz Picasso na Coruña, intervindo -por medio das artes escénicas- algúns dos lugares clave do seu paso por esta cidade.
Vinte 23 desenvolveu as súas actividades principais durante o mes de novembro de 2023 en distintos puntos da provincia da Coruña, servindo as accións realizadas no marco do proxecto como peche simbólico da Celebración Picasso 1973-2023.
Utilizando as artes escénicas como ferramenta pedagóxica, despregamos dous tipos de dispositivos escénicos móbéis nas aulas de 4 centros educativos de Primaria e Secundaria da provincia, inspirados nas vivencias do pequeno Pablo Ruiz Picasso e a súa familia na Coruña e no rico imaxinario artístico que comezou a crear nela.
Unha nova lectura do territorio picassiano da Coruña, adaptada ás narrativas do século XXI, que busca a intervención escénica dos enclaves urbanos máis relevantes relacionados co paso da familia Ruiz Picasso pola nosa cidade, creando novas aproximacións a esta etapa, aínda tan pouco coñecida entre gran parte da cidadanía.
Un itinerario afectivo, íntimo e sensorial pola vida da familia Ruiz Picasso na Coruña, que percorre os distintos andares e estancias da que foi a súa casa familiar nesta cidade -hoxe Casa Museo Picasso-, desenvolvendo diferentes accións teatrais, performáticas, musicais e visuais.
Un mapa de acceso aberto no que se poden coñecer os principais puntos intervidos ata o momento polo proxecto. A modo de bitácora, o mapa pretende ser unha ferramenta aberta de mapeo do territorio picassiano, que poida seguir sendo enriquecida no futuro con achegas de novas entidades participantes.
Vinte 23 involucrou nas súas actividades a 7 entidades educativas e socioculturais da provincia da Coruña, repartidas en 2 grandes grupos:
En total, o proxecto despregou unha ducia de actividades nos concellos coruñeses de Sada, Fisterra, Zas e A Coruña, ofertando un total de 414 prazas a esas entidades que foron cubertas na súa totalidade por 167 participantes, dos que a meirande parte foron alumnado de Primaria e da ESO.
Territorialmente, o proxecto logrou impactar en 12 puntos xeográficos distintos dos concellos xa sinalados, incluíndo os propios centros educativos e 8 dos enclaves máis relevantes de entre os relacionados co paso da familia Picasso pola Coruña.
"Un xeito magnífico de presentar os feitos máis salientables da vida de Picasso na Coruña, feito ademais cunha enorme sensibilidade. O noso centro está moi interesado en participar en futuras propostas."
"A valoración do noso alumnado foi en xeral moi positiva. As actividades captaron en todo momento a súa atención e permitiron reforzar a súa aprendizaxe a través da interacción cos actores."
"Extraordinario, un espectáculo fascinante e redondo. Quedamos tódolos participantes coa boca aberta"
Os Náufragos teatro é unha cía de consolidada traxectoria e compromiso coa creación galega e co teatro social. As súas pezas entenden o teatro como ferramenta pedagóxica e buscan xerar tecido cultural e dar visibilidade ás realidades de colectivos vulnerables e vulnerados, á interculturalidade, á inclusión e á diversidade.
A Escola ON nace en 2019 como a aposta persoal dun profesorado comprometido coas artes escénicas, con experiencia en centros de referencia estatal. Desde entón, consolidouse pouco a pouco no corazón da Coruña, en Riazor, creando unha rede de alumnado que fixo dela un referente na ensinanza teatral da cidade.
Subscríbete para non perderte ningún dos nosos eventos, proxectos, datas de matrícula e moito máis.
Financiado por la Unión Europea-Next GenerationEU